20200505 TallerMemoria ficha4A saúde emocional centra o discurso de Ana Chouza, profesora do taller de estimulación cognitiva do Concello de Rois, na presentación deste cuarto bloque de actividades que está a ofrecer online desde que comezou o estado de alarma pola emerxencia sanitaria. Letras, números e figuras serán as nosas aliadas para estimular a mente. Ademais, Chouza propón pensar e escribir refráns para manternos activos.

 

A NOSA SAÚDE EMOCIONAL

Por fin, dende hai varias semanas, empezamos de novo a saír á rúa. Despois de tanto tempo e con tanta incerteza, moitas persoas senten medo ante o que supón volver recuperar o noso espazo, a nosa liberdade. Pero debemos saber que é normal sentir medo e incluso temor, pois para nós estas saídas son algo novo. Polo que ter estes medos pode servirnos para protexernos, para que esteamos máis atentos e nos sigamos coidando. Temos que adaptarnos a estas novas situacións, que se están empezando a dar pero que nas vindeiras semanas teremos que seguir abríndonos ao novo mundo. Teremos que pasar por novas situacións ata chegar a unha nova normalidade, por iso ter medo pode ser bo e incluso pode axudarnos, para que non baixemos a garda e sigamos protexéndonos seguindo as indicacións das autoridades (lavado de mans, uso de mascarilla e xel desinfectante, distancia social...). Temos que facer que sexa progresivo, para irnos adaptando pouco a pouco e que a nosa mente se vaia afacendo a estes cambios e novas situacións.

O problema aparece cando estes medos ou temores se converten en constantes e non desaparecen. Entón temos que botar man dos profesionais da saúde mental para que nos axuden.

Pero ollo! Non todo vale. Porque a psicoloxía só a exercen os psicólogos/as. Nestes días estamos a ver que persoas baixo nomes como coaching, "terapeutas alternativos"... están ofrecendo apoio emocional ou tratando (máis ben xogando ca) a saúde mental, pero que non son psicólogos/as. Polo que temos que verificar a certificación sanitaria e tamén o número de colexiado desa persoa na que imos confiar a nosa saúde. Os profesionais que coidan da saúde mental con garantías científicas e profesionais son os psicólogos/as. As técnicas que utilizamos os psicólogos veñen avaladas por anos de estudo científico e con validez, tal e como aparecen nas guías terapéuticas científicas.

Tamén podemos solicitar atención psicolóxica chamando ao 112, no que seremos atendidos por un psicólogo/a especializado/a en atención en emerxencias. Este dispositivo (que xa volo mencionei anteriormente) está dirixido a toda a poboación de Galicia para atender o grave impacto no benestar psicolóxico e na saúde mental que ten esta emerxencia sanitaria creada polo coronavirus. Pode utilizalo calquera persoa que o necesite as 24 horas do día e os sete días da semana.

Como xa teño dito, para mais información na páxina do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia: https://copgalicia.gal/.

 

Esta semana recomendamos:

Para pasar o tempo dándolle aos miolos, nesta páxina que aconsello aparecen moitas adiviñanzas (con solucións): https://adivinanzass.com/para-mayores/.

Tamén: https://www.psicoactiva.com/puzzleclopedia/, na que aparecen enigmas e xogos de enxeño ordenados en categorías.

Xogos entretidos para descargar en Play Store, no móbil ou tablet: Entrena tu cerebro, no que hai varios para elixir, Memoria, Razonamento, Atención...

 

PAUTAS PARA FACER AS FICHAS

  • Non é necesario imprimir as fichas, se podemos facelo mellor, pero senón non temos que preocuparnos. Só necesitamos papel e lapis.
  • En primeiro lugar buscar un lugar tranquilo, no que nos poidamos concentrar.
  • Descargar a ficha, a ser posible nunha tablet que imos ver mellor. Ler varias veces cada exercicio ata que o comprendamos. Pensando que non son nada novo, a maioría van ser similares aos que levamos feito ata o de agora.
  • Despois do enunciado do exercicio, entre parénteses ( ) e cun tipo de letra diferenciado, teremos en galego una explicación, nos que se considere necesario.
  • Se aínda así non o entendemos pasamos ao seguinte exercicio.
  • Ao acabar os exercicios, volvemos aos que deixamos sen facer e tentamos facelos de novo, pois agora estamos máis centrados e igual podemos facelos.
  • Se non conseguimos facelos ou temos dúbidas, podedes chamarme ou falarme.
  • Non temos que facer os exercicios no mesmo día, segundo nos organicemos.
  • Tamén darei enlaces a páxinas web que nos poden resultar interesantes, ou aplicacións que podemos descargar para as tablets ou móbiles e así seguir traballando o resto do tempo.

ÁNIMO!!! POUQUIÑO A POUQUIÑO IMOS FACENDO CAMIÑO.