• É a maior cifra de alumnado acadada ata o momento

  • O director Manuel Villar mantivo onte unha reunión coas familias para informar das novidades deste ano

  • Son todas clases individuais salvo Linguaxe musical, Agrupación e Música en movemento que terán un máximo de 5 alumnos por grupo

20200618 Concerto ESMU ALI1326

A Escola Municipal de Música de Rois vai comezar novo curso o vindeiro luns con 80 persoas matriculadas, a cifra máis elevada de alumnado dende que se puxo en marcha. Todas as clases serán individuais, agás as de Linguaxe musical, Conxunto instrumental, Música en movemento e Coro, que terán un máximo de 5 persoas por grupo, segundo lles explicou onte o director ás familias.

O director, Manuel Villar, mantivo onte a noite unha reunión informativa coas familias e co profesorado no polideportivo dos Dices, na que lles adiantou as medidas e os protocolos que se van implantar na ESMU de Rois para evitar os contaxios do coronavirus e a propagación da COVID-19.

O Concello de Rois está a facer unha forte aposta por manter as actividades deportivas e culturais neste curso que está a comezar. No caso da Escola de Música, váiselle tomar a temperatura a cada alumno e alumna antes de entrar á ESMU, dotarase de hidroxel e farase a desinfección dos instrumentos entre clase e clase para evitar a propagación da covid-19.

Este curso, a Escola de Música de Rois ofrécelle como novidade ao seu alumnado maior de 12 anos a posibilidades de estudar Harmonía e creación musical, que se suma áaprendizaxe dos numerosos instrumentos que se poden elixir na ESMU. Batería, baixo eléctrico, frauta, óboe, saxofón, tuba, violín ou acordeón son algúns deles. (ver oferta completa neste enlace).

As persoas interesadas en formarse musicalmente aínda se poden matricular na Escola Municipal de Música de Rois, que ten un prezos accesibles: 20 euros pola matrícula anual e, por exemplo, 35€/mes polas clases de instrumento e linguaxe musical. (ver folla e matrícula e opcións neste enlace).

A Escola Municipal de Música de Rois incremento de xeito considerable a súa matrícula dende que no ano 2018 o Concello promovera o primeiro intercambio  musical con Venecia. Alumnado da ESMU e de Chorima viaxaron ata Venecia para intercambiar experiencias co alumnado a Escola Comprensiva Franca Ongaro e o Liceo Musical de Venecia. 

En abril de 2019 a ESMU de Rois participou no seu segundo intercambio internacional. Nesta ocasión, unha comitiva de 25 persoas entre alumnado e profesorado da Escola de Música e do OCT Chorima, viaxaron ata Pasztó, unha localidade duns dez mil habitantes situada a oitenta quilómetros ao norte de Budapest, a capital de Hungría.

Os concertos que durante o curso ofrece a Escola de Música de Rois son outro dos atractivos para matricularse. No recentemente finalizado curso 2019-2020, que estivo marcado pola pandemia da covid-19 e o confinamento durante 3 meses, profesorado e alumnado da ESMU de Rois optaron por ofrecer dous concertos virtuais para rematar o curso, no que moitos dos participantes actuaron en directo.

O primeiro concerto, ofrecido o 20 de xuño, estivo protagonizado polo alumnado máis novo e contou con 27 actuacións

Ao día seguinte foi o alumnado de máis idade o que ofreceu o segundo concerto de fin de curso, que contou con 17 actuacións.