• O Setembro Cultural propón teatro para público familiar e cinema-coloquio

  • A Cultura Dispersa por Rois continúa a levar actuacións ás parroquias do municipio

  • Camilo Seira dirixirá as visitas guiadas á mostra de Arte e Natureza en Seira

 

20200827 cultura setembro

A cultura toma impulso en Rois coa chegada do mes de setembro. Tres programacións (Setembro Cultural, A Cultura Dispersa por Rois e Arte e Natureza en Seira) enchen o calendario de propostas pensadas para gozar da arte, do teatro e do cinema, cumprindo todas as medidas de seguridade e hixiene debidas á pandemia de coronarivus.

O Concello de Rois busca a maior seguridade posible para os espectadores que asistan a estas iniciativas culturais. Por isto, para as actividades de Setembro Cultural e as visitas de Arte e natureza en Seira é preciso anotarse escribindo a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou chamando ao 981 816 061 en horario de mañá.

Teatro e cinema no Setembro Cultural

O Setembro Cultural leva a Rois teatro para a cativada e cine do país. Os nenos e nenas teñen cita no Auditorio Municipal (18h) con tres espectáculos a cargo de compañías cunha gran traxectoria. O sábado 12, Migallas Teatro porá sobre as táboas o musical Cantacontos, baseado en historias tradicionais musicadas para público de entre 4 e 11 anos. O domino 13 será Talía Teatro a que interpretará a obra familiar Voa, voa!, unha proposta para gozar da palabra e a divulgación. Xa o sábado 26 será o momento do grupo Mamá Cabra, un dos conxuntos de música infantil máis populares de Galicia, cunha montaxe especial sobre alimentación saudable titulada Eu cociño, ti cociñas.

Canto ao cinema, o director Ignacio Villar asistirá o sábado 19 ás 21h á proxección, no campo da festa de Urdilde, do filme María Solinha. En caso de choiva, a película pasarase no Auditorio Municipal de Rois.

O aforo será limitado en todas as actividades, polo que a inscrición previa obrigatoria abrirase o luns día 7. Setembro Cultural conta co apoio da Rede Cultural da Deputación, Agadic, a Rede de Bibliotecas de Galicia e a Rede de Dinamización Lingüística.

A cultura dispersa por Rois

En setembro continúa a programación que leva polas parroquias do municipio espectáculos de teatro de pequeno formato e filmes ao aire libre. O domingo 6, Dinamo Producións porá en escena Eu queríame casare no campo da festa de Ermedelo (13h). Trátase dunha comedia sobre o amor aos corenta, protagonizada por Lucía Veiga e Pedro Brandariz. O sábado 19 será Avelino González o que contará Contos que foron chistes no campo da festa de Ermedelo (19h), peneirando historias na tradición humorística galega. Por último, o campo da festa de Sorribas acollerá o día 20 (21.30h) a proxección da película de humor Superlópez, dirixida por Javier Ruiz Caldera e protagonizada por Dani Rovira.

A proposta A cultura dispersa por Rois conta coa colaboración das comisións de festas e das asociacións do termo municipal. Ademais, a maior parte das actividades teñen o apoio da Deputación da Coruña, a través da súa Rede cultural.

Arte e natureza en Seira

Para completar a oferta do mes de setembro, o escultor e pintor Camilo Seira será o encargado de dirixir tres visitas guiadas pola exposición da II Xornada da Arte e Natureza, aberta na contorna natural de Agro do Souto como homenaxe aos maiores do municipio falecidos neste dramático 2020. Unha vintena de creadores plásticos, músicos, arquitectos e deseñadores empregaron materiais naturais para montar a mostra.

Camilo Seira fará un percorrido explicado polas obras os días 11, 12 e 13 de setembro (o venres ás 18h e sábado e domingo en dobre quenda de 12 e 18h). Os grupos van ter un máximo de 20 persoas, polo que é preciso anotarse a partir do xoves 3 de setembro.