• A iniciativa ‘A cultura dispersa por Rois’ presenta unha ducia de festas noutras tantas parroquias do municipio
  • Espectáculos de música, teatro, contos, maxia e cine ao aire libre conforman un variado programa de microeventos culturais

20200709 Cultura Dispersa portada web

O Concello de Rois deseñou un amplo programa cultural de pequenos eventos cos que busca, por unha banda, estender a programación cultural por todas as parroquias do municipio e, por outra, evitar as aglomeracións neste tipo de citas como medida de prevención ante a covid-19, ao tempo que apoia ao sector cultural, duramente afectado pola pandemia. Para colaborar e apoiar á rede asociativa municipal e ás comisións de festas, o Concello elaborou un programa de actuacións de diversa índole (música, maxia, cine, contacontos...) ao que denomina A cultura dispersa por Rois.

A primeira das actuacións do ciclo A cultura dispersa por Rois levouse a cabo o pasado 28 de xuño na parroquia de  Herbogo e a última está prevista para o mes de novembro en Costa. 

A iniciativa supón o redeseño da programación cultural habitual do Concello. As propostas son moi variadas e abranguen actuacións musicais cun gran protagonismo feminino (Maianas, Esperanza Mara, Paloma Suanzes, Iria Estévez e Os Campantes da Baña); proxeccións de cine ao aire libre; contacontos (Cándido Pazó e Avelino González); teatro (Dinamo producións, co espectáculo Eu queríame casare); e maxia, coa presenza do Mago Antón. 

A proposta A cultura dispersa por Rois conta coa colaboración das comisións de festas e das asociacións do termo municipal. Ademais, a maior parte das actividades teñen o apoio da Deputación da Coruña, a través da súa Rede cultural.

A próxima cita da Cultura dispersa por Rois é o próximo sábado 18 de xullo, coa visita do contacontos Cándido Pazó ao campo da festa de Ribasar co espectáculo Como dicía o outro... O domingo 2 de agosto Os Campantes da Baña estarán no campo da festa de Augasantas, nunha actuación contratada directamente polo Concello. O cinema ao aire libre visitará o campo da festa de Seira o sábado 8 ás 22h co filme A galiña turuleca; e Esperanza Mara interpretará un Concerto con historia(s) o domingo 9 de agosto ás 21h na igrexa de S. Mamede de Rois.

Un clásico da maxia galega, o Mago Antón, porá en escena A volta ao mundo a 313 concellos o sábado 15 de agosto, primeiro nunha sesión vermú no campo da festa de Oín e á tardiña no de Urdilde. Paloma Suanzesactuará en Leroño ese mesmo día ás 22h no campo da festa.

Xa en setembro, o domingo 6 a compañía Dinamo Producións, coñecida polas súas participacións no programa Luar da TVG, porá en escena Eu queríame casare ás 16.30 no campo da festa de Ermedelo; e o sábado 19 Avelino González subirá ás táboas do campo da festa de Buxán á tardiña para contar Contos que foron chistes. A noite seguinte, a do domingo 20 de setembro, o campo da festa de Sorribas acollerá a proxección da película Superlópez.

Unha actuación máis queda reservada para novembro. O día 7 dese mes Iria Estévez presenta Atlánticanunha actuación en dúo ás 20.30 no local social de Costa.

O Concello contempla para estes eventos todas as medidas hixiénicas que esixen as autoridades sanitarias. O mesmo feito de que se celebren nas parroquias de Rois, un municipio cun alto grao de dispersión, facilita que neles se concentre un número de persoas axeitado á situación actual.

20200713 Cartel Cultura Dispersa