• A atención presencial na casa do concello limitarase só a casos de urxencia ou extrema necesidade. Recoméndase chamar por teléfono ao 981 804 109

 20200313 Rois medidas coronavirus

O alcalde de Rois acaba de asinar un bando coas medidas adoptadas polo Concello para previr o contaxio do coronavirus, seguindo as recomendacións ditadas dende á Xunta de Galicia. Estas medidas estarán en vigor durante os vindeiros 14 días naturais, e revisaranse ao finalizar este prazo, podendo ser prorrogadas se así o consideran as autoridades competentes.

Así, dende hoxe quedan pechadas as instalacións municipais (ximnasio, bibliotecas, pavillóns, escola de música, etc.) e se suspenden todas as actividades municipais (culturais, deportivas, excursión da terceira idade, obradoiros, cursos, etc).

Respecto da atención ao público nas dependencias municipais farase preferentemente por teléfono, chamando ao 981 804 109 ou por vía telemática na sede electrónica do Concello de Rois (https://sede.rois.es). A atención presencial na casa consistorial limitarase só a casos de urxencia ou extrema necesidade, e será preciso concertar previamente cita a través dunha chamada telefónica.

Dende o Concello recoméndase ás asociacións e entidades ser especialmente coidadosas coas recomendacións anteriores durante os próximos días; non facer viaxes e desprazamento que non sexan imprescindibles.

Tamén se recomenda non visitar os centros de maiores, hospitais e centros médicos agás casos de extrema necesidade.

Lavar con frecuencia mans e cara con auga e xabón, e evitar no máximo posible o contacto físico, especialmente con persoas dos grupos de risco, son outras das recomendacións das autoridades sanitarias que aparecen recollidas no bando.

O alcalde recorda que o teléfono de información á cidadanía sobre o coronavirus é o 900 400 116. Só en casos graves e urxentes é recomendable chamar ao 061.

Dentro das medidas adoptadas, tamén se cancela a excursión da terceira idade que se ía realizar a Islantilla (Huelva), prevista para o mes de abril. O Concello devolverá a cota ingresada polas persoas que xa estaban anotadas.

O alcalde prégalle á veciñanza que colabore para evitar a propagación deste virus, evitando toda a situación de risco e cumprindo coas indicacións do Ministerio de Sanidade e da Consellería de Sanidade.

Para solicitar información xeral sobre o novo coronavirus, a Xunta de Galicia pon a disposición da poboación o teléfono gratuíto 900 400 116. Así mesmo, neste enlace pódese consultar toda a información que están a ofrecer as autoridades sanitarias de forma actualizada.

Na seguinte imaxe pódese ver un resumo das medidas adoptadas pola Xunta de Galicia para conter a propagación do coronavirus.

20200313 Recomendacions Xunta Coronavirus