20191108 Paso Alen andaina CANCELADA webA Asociación Neboeira Cultura e Tempo Libre ven de comunicar oficialmente a decisión de cancelar a actividade 'Paso do Alén: Andaina nocturna de terror'. Neboeira Cultura e Tempo Libre contaba coa colaboración do Concello de Rois para organizar esta andaina nocturna, inicialmente prevista para o día 2 de novembro, e que inicialmente se aprazara unha semana. Ante as previsións meteorolóxicas decidiu cancelar a actividade.

Nun comunicado, Neboeira Cultura e Tempo Libre explica que por motivos meteorolóxicos non podemos realizar a andaina de maneira óptima, polo que será aprazada sobre seis meses, debido a que a previsión é que de aquí en diante todas as fins de semana sexan chuviosas. Agardaremos a que o tempo mellore e todas e todos poidamos gozar plenamente desta actividade.

"Dende a organización sentimos moito o acontecido e pedimos desculpas polas posibles molestias que se puideran ocasionar", explican.

As inscricións actuais para a andaina serán canceladas. Con todo, Neboeira quere favorecer a quen confiou neles nun primeiro momento e se apuntou ao Paso do Alén. En canto se saiba a nova data, antes de facela pública, mandaremos unha mensaxe cun enlace onde inscribirse, garantindo así a participación de todas as persoas apuntadas inicialmente. 

Paso do Alén é unha actividade na que máis de 100 persoas de diferentes asociacións e entidades locais levan traballando máis de 3 meses, buscando a máxima calidade e satisfación para as máis de 500 persoas inscritas. "Consideramos que as condicións meteorolóxicas previstas para xornada limitarían moito a calidade, polo que tomamos a decisión de suspendela temporalmente", explican dende Neboeira Cultura e Tempo Libre, que agradece a comprensión e pide desculpas polo acontecido.