20190522 Cartel Venres

Este venres, 24 de maio, o auditorio municipal de Rois abre as súas portas para a presentación de varias accións culturais desenvoltas no entorno do concello. Primeiramente, proxectarase o “Telexornal Antón Fraguas” realizado desde o CPI Plurilingüe dos Dices que achega, como en anos anteriores, á figura homenaxeada no Día das Letras Galegas. Seguidamente, levarase a cabo a entrega de premios do Certame Artístico e Literario de relato curto e poesía, que dará paso á proxección da curtametraxe ‘Manuela Romasanta’ de Roberto Oliveira. A xornada rematará co xa clásico ‘Café con letras’.

A partir das 18.00 horas, o auditorio municipal de Rois acollerá a proxección do “Telexornal Antón Fraguas” realizado polo alumnado do CPI Plurilingüe dos Dices. Neste ano 2019, o alumnado implicado nesta experiencia de alfabetización mediática e da información traballou sobre Antonio Fraguas, baixo a dirección do profesor Luís Aldegunde, para a creación dun documento imprescindible para achegarse ao escritor e a súa obra. 

A continuación realizarase a entrega de premios do Certame Artístico e Literario de relato breve e poesía. A entrega de premios dará paso á proxección da curtametraxe ‘Manuela Romasanta’ de Roberto Oliveira, artista especializado en percusión, música contemporánea, electroacústica e investigador sonoro que se lanzou ao mundo do audiovisual para amosar a investigación realizada en torno á figura do primeiro caso documentado de licantropía clínica no século XIX, coñecido popularmente como o "home lobo de Allariz". O traballo, entre ficción, documental e vídeo-arte saca á luz que realmente se trataba dunha muller, Manuela Blanco Romasanta. Os asistentes poderán aproveitar para charlar con Roberto, veciño de Rois, sobre o seu traballo.

Para finalizar, todas as persoas asistentes compartirán un café, ademais de que se realizará unha solta de libros.

Tamén mañá, o Auditorio de Padrón acollerá ás 19.00 horas un espectáculo de maxia familiar en inglés, da man de Get Brit!

 As actividades continuarán no edificio multiúsos de Rois o sábado pola mañá (11.00 horas) coa representación da obra de teatro en inglés “Míster Chef (Júnior)”, unha iniciativa da empresa Get Brit! financiada polo Concello de Rois.