20190515 ALI3268

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acudiu hoxe a Rois para participar no xantar popular do Santo Isidro e acompañar as dúas persoas homenaxeadas, o centenario Ramón Rodríguez e a Pilar Ferreirós, ‘Piluca’, que rexentou o negocio familiar vinculado ao agro ata a súa xubilación.

As mulleres tiveron hoxe un papel destacado nos actos oficiais programados polo concello. Ademais de Pilar Ferreirós e Isabel Núñez, que recolleu o premio ao cartel anunciador da festa, pronunciaron o pregón as representantes das tres asociación de mulleres que existen no concello, que contan con máis de 300 asociadas.

20190515 ALI3289

As presidentas da Asociación das Amas de Casa de Rois, María García, e da Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde, Lourdes Gómez, e a secretaria da Asociación de Mulleres Rurais de Ermedelo, Vanessa Boullón, aseguraron no pregón que, para elas, formar parte da asociación “é unha vía de escape, un lugar de encontro entre mulleres”. “E tamén unha forma de apoderarnos das nosas vidas, de romper coa imaxe tradicional de muller esposa, nai e ama de casa”, asegurou María García. “As tres asociacións son lugares onde nos sentimos plenas, valoradas, libres e únicas”, asegurou a presidenta das amas de casa.

20190515 ALI3291

Co xantar popular do Santo Isidro, que volve a contar cun respaldo masivo da veciñanza ao contabilizarse 500 asistentes, o Concello de Rois quere resaltar o papel de veciños e veciñas do municipio, para poñer en valor o traballo de persoas anónimas, ou non tanto. A homenaxe ‘Toda unha vida’ foi para o centenario Ramón Rodríguez Tubío, que naceu na aldea de Subidas (Augasantas), o 6 de xullo de 1918, e aos 18 anos foi chamado a filas para combater na guerra civil, ata que morreu seu pai e retornou a Rois para seguir vinculado as tarefas agroganderias o resto da súa vida. A punto de cumprir 101 anos, e con problemas de saúde, o galardón recolleuno a súa filla María Consuelo, e o seu xenro. Con ámbolos dous Núñez Feijóo estivo departindo uns minutos cando chegou a xantar a Rois.

20190515 ALI3292

Pilar Ferreirós Rey, ‘Piluca’, recibiu a homenaxe “Santo Isidro Labrador”, como empresaria e emprendedora que estudou bacharelato en Padrón e rexentou o negocio familiar, sempre moi vinculado ao mundo agrogandeiro, ata que se xubilou no 2015. Visiblemente emocionada, Pilar Ferreirós só puido dar as grazas polo recoñecemento.

Despois dos recoñecementos, os 500 asistentes puideron degustar empanada, pulpo e carne o caldeiro nun xantar popular elaborado por pulpería Veloso. Os actos do día grande do Santo Isidro comezaron coa misa solemne na igrexa parroquial e remataron coa música da Charanga Os Santiaguiños.

O sábado, andaina e feira do Santo Isidro

Os actos programados para honrar ao patrón de Rois continuarán o sábado, día 18, coa celebración da II Andaina do Santo Isidro. Esta ruta, de 17 quilómetros e de dificultade baixa, levará aos participantes dende o Xardín do Recordo (O Faramello), ata o Campo da Festa de Rois. As inscricións faranse de balde ata o xoves, día 16, chamando ao teléfono 981 804 109 ou enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. A recollida de dorsais será no campo da festa de Rois e, dende aquí, os participantes serán trasladados en autobús ata a saída.

Un ano máis, durante todo o día, estará aberta no campo da festa de San Mamede de Rois a feirade artesanía e produtos labregos, xunto con exposiciónsde animais de razas autóctonas e maquinaria agrícola. Non faltarán os concursos de manexo de tractores, a partir das seis da tarde. Tamén haberá actividades infantís e talleres artesanais.

A Escola Municipal de Música, o Obradoiro Cultura Tradicional Chorima e o grupo Pesdelán serán os encargados da animación musical da tarde, antes da verbena na que actuarán as orquestras Capitol e Finisterre.