20190503 Cartel Festas San IsidroA chegada do mes de maio é sempre motivo de troula no Concello de Rois. A mediados deste mes, as festas de San Isidro Labrador volverán xuntar no municipio a centos de persoas de toda a contorna, chegadas para gozar das xa tradicionais feira de artesanía e produtos labregos, do xantar popular e por suposto, da música, entre outras actividades programadas.

As festas concéntranse en dúas datas. A primeira delas é o mércores 15 de maio, Día de San Isidro Labrador, que se abrirá, como marca a tradición, con bombas de palenque e unha misa solemne na igrexa de San Mamede de Rois, cantada polo coro de Buxán. Posteriormente, o polideportivo acollerá a presentación dos festexos, a cargo do alcalde, Ramón Tojo Lens; e o pregón, que lerán as presidentas das Asociacións de mulleres rurais de Ernedelo e Urdilde, xunto coa presidenta da Asociación de amas de casa de Rois.

Homenaxes

Durante a xornada non faltarán as homenxes para destacar as figuras de dous veciños do concello. Este ano, Ramón Rodríguez Tubío, da parroquia de Subidas-Áugasantas, e María del Pilar Ferreirós Rey recibirán a honra a “Toda unha vida e “S. Isidro Labrador” respectivamente. Mentres que Isabel Núñez Montero será premiada por ser a creadora do cartel anunciador.

O xantar popular está programado para o mediodía e terá un custo de 8 € para os veciños e veciñas de Rois (os menores de 10 anos pagarán 4€) e de 21€ para as persoas chegadas doutros municipios. Poden retirarse os tiques para o entre os días 6 e 10 de maio, en horario de mañá, na casa consistorial. A comida estará amenizada pola Charanga O Santiaguiño, e os nenos e nenas poderán gozar saltando en atraccións inchables.

Feira, exposicións e verbena

A celebración continúa o sábado 18, unha xornada intensa que se abre cunha andaina matinal por terras do municipio, que sairá ás 9.30 horas. Un ano máis, durante todo o día estará aberta no campo da festa de San Mamede de Rois a feira de artesanía e produto labrego, xunto con exposicións de animais de razas autóctonas e maquinaria agrícola. Non faltarán tampoco concursos de manexo de tractores e truco,

Para este día organizáronse tamén actividades infantís e talleres artesanais, para os obradoiros fai falta anotarse entre o 6 e o 10 de maio no Edificio multiusos do concello ou enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

A Escola Municipal de Música, o Obradoiro Cultura Tradicional Chorima e p grupo Pesdelán serán os encargados da animación musical da tarde, que coa chegada da noite, contará coas orquestras Capitol e Finisterre.

Ramón Tojo Lens, alcalde-presidente do Concello de Rois convida persoalmente a toda a veciñanza do municipio:

Á volta da esquina xa están, neste mes de maio, unhas datas que cada ano veñen fortemente sinaladas no calendario, as festas patronais en honra ao noso S. Isidro Labrador, que sempre organizamos con orgullo.

Pensamos que as festas son simplemente para gozalas. Por isto, desde o consistorio, sabemos que vós sodes os auténticos protagonistas desta celebración, convidándovos a saír coa familia, amizades e visitantes a compartir estas xornadas cheas de música, diversión, lecer, devoción, deportes e cultura.

Non quero deixar pasar a ocasión sen destacar o gran labor desenvolto por todas as persoas que están detrás do programa aquí presente, que xunto coa vosa participación, farán que Rois brille intensamente e con luz propia.

En nome da corporación municipal e no meu propio, agardo que gocedes das nosas festas patronais, de forma que a participación e a convivencia sexan un exemplo para todos e todas.

Felices Festas do S. Isidro Labrador!

 Os programas completos atópanse a continuación.