20181019 ALI7005Talía Teatro colleitou onte os primeiros aplausos do público que asistiue á segunda edición da Mostra de Teatro de Rois coa representación de 'O servidor de dous amos’, unha obra escrita por Carlo Godoni e dirixida por Diego Rey na que a mentira e a confusión son a base dun espectáculo de humor no que se fala de tráfico de influencias, evasión fiscal e enganos varios.

Máis de setenta persoas achegáronse onte ao auditorio municipal para rirse durante unha hora na primeira representación da II Mostra de Teatro de Rois, que hoxe continuará coa representación de Malasombra Teatro. A compañía fundada por Xoque Carbajal interpreta a partir das oito da tarde 'Descanse en paz', unha comedia negra sobre a morte escrita por Pep Antón Gómez e Jordi Sánchez, e dirixida por Marcos Orsi. O espectáculo trata dos desvelos dunha peculiar familia para axudar a morrer a unha nai con poucas ganas de facelo.
Esta segunda edición da Mostra de Teatro remata mañá, domingo, coa proposta infantil de Títeres Cachirulo. A partir das seis da tarde interpertará 'O libro da selva', unha adaptación do clásico de Rudyard Kipling.
Para a organización da II Mostra de Teatro, o Concello de Rois conta coa colaboración da Deputación da Coruña e da Axencia Galega das Insutrias Culturais (Agadic).
O acceso ao auditorio é gratuíto, pero será necesario retirar previamente a entrada, que están a disposición dos asistentes dende media hora antes de que empece a función.