• Gonzalo Trenor presentou esta mañá a obra, que mellorará a seguridade viaria nun tramo de 750 metros

  • A actuación inclúe unha mellora no trazado da AC-301, eliminando dúas curvas perigosas en Oín

 

Rois senda peonil Gonzalo Trenor WEB

O novo delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, presentoulle esta mañá en Rois ao alcalde, Ramón Tojo, unha actuación do Goberno galego para mellorar a seguridade viaria entre a capital de Rois e o parque industrial de Padrón, construíndo unha senda peonil de 750 metros de longo que suporá un investimento duns 600.000 euros. Segundo informou o representante do goberno autonómico “o Diario Oficial de Galicia publicou, o pasado venres, o anuncio de información pública dun proxecto que permitirá mellorar a mobilidade de veciños”.

A Xunta vai acometer as obras, consistentes na construción dunha senda peonil duns dous metros de ancho que unirá as actuais instalacións de Aluminios Cortizo co inicio das beirarrúas no núcleo de Rois, aproximadamente á altura de Casa Ramallo.

Gonzalo Trenor recalcou que “esta intervención se enmarca na estratexia do departamento de Infraestruturas da Xunta de fomentar a mobilidade sostible da poboación así como incrementar a seguridade viaria desta zona con elevado tránsito peonil”.

Para darlle continuidade ao itinerario, a senda peonil comezará á altura das naves industriais de Cortizo. Construirase pola marxe esquerda da antiga estrada AC-299 (Padrón-Rois) ata a actual rotonda. Dende aquí ata o núcleo de Rois, irá pola marxe dereita da AC-301, cun total de 750 metros de lonxitude. A actuación, ademais da pavimentación desta senda, contempla a execución dun sistema de drenaxe de augas pluviais e a reposición dos servizos afectados polas obras.

A Xunta vai aproveitar esta actuación para acometer tamén unha mellora no trazado da AC-301 á altura do quilómetro 2,450, para aumentar o radio de curvatura nesta zona, repoñendo o camiño de servizo e mellorando a intersección situada no quilómetro 2,5.

Dos arredor de 600.000 euros polos que se licitará a obra, 41.310 destinaranse á expropiación dos terreos afectados para acometer esta nova senda peonil.

O departamento de Infraestruturas da Xunta, a través do Plan de Sendas de Galicia, executou na comarca de Santiago preto de 15 Km de itinerarios sostibles, cumprindo co obxectivo de favorecer que a xente poida facer os seus desprazamentos habituais, a pé ou en bicicleta, dunha forma máis cómoda e segura.

As sendas executadas dentro desta iniciativa do Goberno galego cofináncianse con fondos europeos do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.