A Consellería de Medio Rural deseñou un protocolo coas instrucións a seguir no ámbito agrogandeiro durante a emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus. A suspensión dos permisos de queima, os prazos para solicitar a PAC, o coidado dos animais e cultivos ou os teléfonos de consulta de Medio Rural son algúns dos temas que se detallan neste documento informativo.

Unha das medidas adoptadas pola Administración en todos os ámbitos, e tamén no rural, é a suspensión dos prazos para a tramitación de procedementos administrativos. A suspensión supón que non "corren" estes prazos, desde a entrada en vigor do estado de alarma, retomándose o seu cómputo cando finalicen os 15 días de duración do mesmo e a expensas dunha prórroga, se a houbese. No caso de presentación telemática dunha solicitude de subvención, esta forma de tramitación segue operativa, se ben os prazos non corren.

Hai que facer unha mención á parte para as axudas europeas da Política Agraria Común (PAC). Así, se ben os prazos marcados pola administración autonómica ou estatal están suspendidos ou interrompidos polo Real decreto de declaración de alarma, non é así cos prazos europeos. Porén, a Unión Europea vén de ampliar o prazo de solicitudes da PAC para a campaña 2020 ata o 15 de xuño.

Medio Rural informa tamén de que a realización de queimas controladas en terreos rústicos está prohibida ata novo aviso. Tamén quedan sen efecto as autorizacións e comunicacións de queimas xa notificadas e suspéndese a solicitude de novas autorizacións. Xa que logo, non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal.

No referido aos mercados, está prohibida a apertura de mercados gandeiros, agrarios e tradicionais; a excepción dos establecementos de venda de subministros agrícolas e de alimentos para animais.

No documento de preguntas e respostas publicado por Medio Rural trátanse cuestións de todo tipo. Á pregunta de se é posible saír pasear se se vive no rural rodeado de monte, a resposta é que só se pode saír da casa a pasear un animal de compañía dando dó paseos curtos. Figuran tamén as respostas a consultas sobre compartir vehículo para desprazarse ao lugar de traballo, ir alimentar os animais que hai na segunda vivenda, os requisitos no coidado das fincas de autoconsumo, etc.

A Consellería tamén informa dos protocolos de actuación para as granxas e para o sector agroindustrial e dispón de servizos mínimos para loitar contra os incendios, atender as necesidades de gandeiros e agricultores e coidar dos animais e cultivos dos seus centros de investigación.

Neste enlace pode consultar as preguntas e respostas referidas ás instrucións, protocolos e medios de contacto da Consellería do Medio Rural durante a emerxencia sanitaria.