• O programa destinado a concellos de menos de 5.000 habitantes recibiu na última convocatoria 213 solicitudes de axuda

 

Vivenda Rois web ALI6949A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Rois, Ramón Tojo, visitaron esta mañá o lugar de Contimundi, na parroquia de Rois, que está a rehabilitar unha parella do municipio que se acolleu ao programa  de axudas á adquisición de vivenda por menores de 35 anos en municipios con menos de 5.000 habitantes. Durante a visita, Ángeles Vázquez explicou que na convocatoria que rematou o pasado 30 de setembro, este programa da Xunta de Galicia recibiu 213 solicitudes.

Na actualidade, o Instituto Galego da Vivenda e Solo está a revisar a documentación presentada por cada solicitante co fin de conceder axudas polo importe total da convocatoria, 800.000 euros, sempre e cando se cumpran os requisitos marcados na orde.

En Cuntimundi, a conselleira visitou a vivienda que mercou unha parella, cunha axuda deste programa da Xunta, e que está rehabilitando coa colaboración de amigos e familiares para trasladarse a vivir nela.

Ángeles Vázquez sinalou que a Xunta puxo en marcha este programa de axudas a compra e vivenda en municipios de menos de 5.000 habitantes no ano 2018. Nas dúas primeiras convocatorias concedéronse 221 axudas por un importe de case 1,5 millóns de euros. Na convocatoria que rematou o pasado 30 de setembro recibíronse 213 solicitudes de axuda.

Nese sentido, destacou que este programa do Goberno galego representa unha oportunidade para a recuperación e o impulso de 215 concellos rurais; pois non só se facilita a emancipación da mocidade galega, ábreselles unha fiestra para acceder a un vivenda para fogar, é dicir, lóitase contra o despoboamento do rural.

Aclarou que tamén se actúa no eido urbanístico e na recuperación do patrimonio xa que as vivendas adquiridas están, en certos casos, deshabitadas e en desuso e os novos propietarios daranlle uns novos coidados e executarán obras de mellora nas mesmas.

A conselleira defendeu que con este tipo de axudas se axuda aos concellos máis pequenos, se promove a recuperación do patrimonio, do xa construído, e se pon en valor as vilas galegas, ao tempo que se facilita o acceso das familias a unha vivenda. Lembrou que o IGVS tamén ten unha liña de axudas similar a estes, pero para adquirir inmobles nos conxuntos históricos.

  • Gonzalo Trenor presentou esta mañá a obra, que mellorará a seguridade viaria nun tramo de 750 metros

  • A actuación inclúe unha mellora no trazado da AC-301, eliminando dúas curvas perigosas en Oín

 

Rois senda peonil Gonzalo Trenor WEB

O novo delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, presentoulle esta mañá en Rois ao alcalde, Ramón Tojo, unha actuación do Goberno galego para mellorar a seguridade viaria entre a capital de Rois e o parque industrial de Padrón, construíndo unha senda peonil de 750 metros de longo que suporá un investimento duns 600.000 euros. Segundo informou o representante do goberno autonómico “o Diario Oficial de Galicia publicou, o pasado venres, o anuncio de información pública dun proxecto que permitirá mellorar a mobilidade de veciños”.

A Xunta vai acometer as obras, consistentes na construción dunha senda peonil duns dous metros de ancho que unirá as actuais instalacións de Aluminios Cortizo co inicio das beirarrúas no núcleo de Rois, aproximadamente á altura de Casa Ramallo.

Gonzalo Trenor recalcou que “esta intervención se enmarca na estratexia do departamento de Infraestruturas da Xunta de fomentar a mobilidade sostible da poboación así como incrementar a seguridade viaria desta zona con elevado tránsito peonil”.

Para darlle continuidade ao itinerario, a senda peonil comezará á altura das naves industriais de Cortizo. Construirase pola marxe esquerda da antiga estrada AC-299 (Padrón-Rois) ata a actual rotonda. Dende aquí ata o núcleo de Rois, irá pola marxe dereita da AC-301, cun total de 750 metros de lonxitude. A actuación, ademais da pavimentación desta senda, contempla a execución dun sistema de drenaxe de augas pluviais e a reposición dos servizos afectados polas obras.

A Xunta vai aproveitar esta actuación para acometer tamén unha mellora no trazado da AC-301 á altura do quilómetro 2,450, para aumentar o radio de curvatura nesta zona, repoñendo o camiño de servizo e mellorando a intersección situada no quilómetro 2,5.

Dos arredor de 600.000 euros polos que se licitará a obra, 41.310 destinaranse á expropiación dos terreos afectados para acometer esta nova senda peonil.

O departamento de Infraestruturas da Xunta, a través do Plan de Sendas de Galicia, executou na comarca de Santiago preto de 15 Km de itinerarios sostibles, cumprindo co obxectivo de favorecer que a xente poida facer os seus desprazamentos habituais, a pé ou en bicicleta, dunha forma máis cómoda e segura.

As sendas executadas dentro desta iniciativa do Goberno galego cofináncianse con fondos europeos do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

20200714 Parcela publical Samil WEB

O Concello de Rois comezou as obras de acondicionamento para habilitar prazas de aparcamento na finca municipal situada xunto a farmacia de Samil, preto da casa consistorial, na parroquia de Antequeira. Nesta parcela de 6.200 metros cadrados o equipo de goberno quere construír vivenda de promoción e unha zona de lecer para a veciñanza.

Mentres analiza a mellor fórmula para a construción de vivendas de promoción, o goberno local está acondicionando a finca para construír novas prazas de aparcamento, tanto xunto a estrada como no interior da parcela.

A primeira medida é a de retranquear os límites da parcela, para respectar o aliñamento aprobado en pleno co resto de construcións de Samil, gardando a liña coa farmacia e os demais edificios desta marxe da estrada ata a casa consistorial. Este espazo que se vai gañar de beirarrúa dende o límite da estrada AC-301 ata a liña que marcan os edificios, destinarase a prazas de aparcamento. Mentres non se inicia a construción de vivendas e da zona de lecer, tamén se vai permitir o aparcamento de vehículos sobre esta parcela.

20200806 compostaxeO Concello de Rois vén de publicar un bando no que indica como se debe proceder á separación de residuos nos diferentes colectores distribuídos polo termo municipal. Na mesma liña, o consistorio anima á veciñanza a separar a materia orgánica e empregala na elaboración de compost.

Nun cartel que forma parte da campaña de compostaxe doméstica posta en marcha no pasado mes de xullo, o Concello lembra a importancia de separar a materia orgánica para poder reciclala. Así, inicia que "o paso máis importante, para levar a cabo o proceso de compostaxe, é separar correctamente os residuos orgánicos que xeramos nos nosos fogares". "A obtención dun compost de calidade depende directamente desta separación en orixe", incide.

No que toca á recollida de residuos, o Concello publicou un bando no que recorda á veciñanza que refugallos deben introducirse en cada tipo de colector: no verde, materia orgánica, sempre dentro dunha bolsa; no azul, papel e cartón de todo tipo; no iglú verde, botellas e tarros de vidro, pero non envoltorios, tapas, rollas ou vidros especiais e cristais; e no contedor con tapa marela, toda a materia inorgánica, plásticos e materiais que non se poidan introducir nos anteriores.

Tamén recorda o consistorio que Rois conta cun servizo de recollida de obxectos voluminosos que funciona en todo o termo municipal. Para facer uso del hai que chamar á planta de reciclaxe de Servia (981191240 -  639107638) e depositar o refugallo xunto as colectores habituais no día sinalado. Os aparellos electrónicos recóllense o terceiro martes de cada mes porta a porta, pero é preciso chamar ao Concello para avisar (981 804 109).

Tamén se dispuxeron en Samil (Oín) e na Calle (Urdilde) minipuntos limpos para recoller pilas, teléfonos móbiles vellos, cedés, lámpadas, cartuchos de tinta, baterías e pequenos aparellos electrónicos. Nestes mesmos lugares, e tamén no Sisto (Ribasar) a veciñanza ten ao seu dispor puntos de recollida de aceite de cociña, que se debe depositar sempre en envases de plástico.

O Concello pide colaboración cidadá para manter limpo o territorio e contribuír á tarefa colectiva de coidar o medio natural. Así, anima a denunciar a existencia de vertedoiros incontrolados e de condutas incívicas relacionadas co depósito de refugallos.

Podes consultar máis polo miúdo que tipo de residuos deben depositarse en cada colector e cales non no bando sobre a recollida de residuos anexo a esta nova.

20200701 CompostaxeO Concello de Rois lanza unha campaña de formación para a elaboración de compostaxe doméstica. A programación comeza este venres, 3 de xullo, cun curso monográfico gratuíto de dúas horas de duración. O Concello conta coa colaboración das asociacións municipais na difusión desta iniciativa, coa finalidade de formar á veciñanza no proceso correcto de creación de compost.

O primeiro curso monográfico de compostaxe realizarase no edificio multiúsos de Rois entre as 19.00 e as 21.00 horas. As persoas asistentes poderán coñecer polo miúdo o proceso de compostaxe doméstica e recibirán de balde un manual e un composteiro doméstico co que poñer en práctica os coñecementos adquiridos.

Esta actividade ten límite de prazas, polo que é preciso anotarse con antelación a través das asociacións municipais ou ben no Concello, chamando ao teléfono 981 804 109 ou enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. no que se indiquen os seguintes datos: nome e apelidos, DNI, enderezo e teléfono. As prazas asignaranse por orde de inscrición.

Aínda que estaba previsto iniciar esta campaña con anterioridade, a situación derivada da pandemia de Covid-19 obrigou a suspendela. Agora, o Concello retoma a iniciativa con esta primeira actividade, á que seguirán futuras intervencións formativas nesta materia. Ademais da cooperación coas asociacións veciñais de Rois, a campaña conta coa colaboración da Oficina Española de Cambio Climático, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.