• A obra ascende a 357.000 euros e as empresas terán 26 días para presentar ofertas en canto se publiquen as bases

  • Ratificadas as resolucións para solicitar e iniciar o Programa Integrado de Emprego e o Obradoiro de emprego de Garantía Xuvenil 2020

 

O Pleno da Corporación de Rois aprobou esta mañá por unanimidade o expediente de contratación da obra para poñer céspede artificial no campo de fútbol de Urdilde, unha inversión que ascende a 357.402 euros. Unha vez se publiquen as bases coas cláusulas técnicas e administrativas, as empresas terán 26 días para presentar as súas ofertas.

O Concello decidiu incluír esta obra dentro do plan POS+ 2020 para poder executala, “porque o presidente da Deputación da Coruña díxonos que esta era a única vía, cando o normal sería que se incluíran estas obras nunha subvención nominativa. Noutros concellos a Deputación fixo campos de herba artificial sen metelos no POS, e a nós dinos que temos que metelo neste programa, que xa nos corresponde por lei”, criticou o alcalde ao organismo provisión.

O grupo socialista solicitou que se incluíran algunhas melloras no proxecto, como aseos públicos, cubrir todas as bancadas e colocar novo sistema de iluminación con torres de luces led, “pedindo axuda á Xunta de Galicia, para que invista tamén algo en Rois, e que non sexa só a Deputación quen apoie”.

Manuel dos Santos replicou dende o grupo de goberno que o campo xa conta con aseos públicos e parte da grada cuberta. Respecto da mellora de iluminación, indicou que queda para unha segunda fase. “Nos queremos investir pouco a pouco, e ir rematando as obras, para chegar máis lonxe”, engadiu o alcalde.

Cos votos a favor de PP e PSdeG, e a abstención do BNG, Na sesión tamén se ratificaron as resolucións da alcaldía para aprobar o convenio cos concellos de Padrón, Dodro, Pontecesures e Valga para un novo Programa Integrado de Emprego; e para solicitar o obradoiro de emprego de Garantía Xuvenil 2020.

A moción do BNG de Rois para solicitar melloras no protocolo de adaptación ao contexto da covid-19 para o inicio do presente curso (reclamando máis profesores, persoal sanitario e menor ratio de alumnos por aula) foi rexeitado cos votos do PP (6 concelleiros), ao considerar que os protocolos da Xunta son axeitados. BNG (1) e PSdeG (3 concelleiros) votaron a favor.

Tamén foi rexeitada cos mesmo resultado (6 votos en contra e 4 a favor) a moción do PSdeG para elaborar en Rois un catálogo de represaliados e vestixios da ditadura franquista, en cumprimento da Lei de memoria histórica. O equipo de goberno argumentou o seu voto en contra porque se está a tramitar unha nova lei, e quedan a espera do que ditamine a mesma.

O PP retirou a súa moción reclamando ao Goberno central que non se apropie dos recursos das entidades locais, tres ser rexeitado polo Congreso o decreto de remanentes dos concellos.

20200921 Pleno Rois web