O Pleno da Corporación, na sesión que tivo lugar o 4 de novembro de 2019, aprobou inicialmente o Regulamento orgánico municipal do Concello de Rois. Consonte o que dispón o artigo 49 da Lei 7/1985, de 2 de abril, de bases do réxime local, o antedito acordo exponse ao público coa finalidade que no prazo de trinta días hábiles contados desde que apareza este anuncio no Boletín oficial da provincia da Coruña as persoas e as entidades interesadas poidan presentar con relación a el as suxestións e alegacións que xulguen oportunas. De non habelas, o Regulamento entenderase aprobado definitivamente.

O anuncio publicado no BOP de hoxe, así como o texto do Regulamento e os seus antecedentes pódense consultar nos documentos adxuntos.

 

O Concello de Rois aprobou hoxe inicialmente o regulamento orgánico municipal que vai fixar o sistema de funcionamento dos plenos da corporación cos votos a favor do equipo de goberno (PP) e en contra da oposición (PSdeG e BNG), que xa anunciou que presentará alegacións e suxestións durante o período de exposición pública, que comezará proximamente. (Vídeo íntegro da sesión neste enlace)

Por unanimidade dos tres grupos políticos acordouse iniciar o expediente de desafectación dun camiño en Liñares e ratificar a solicitude dunha subvención conxunta cos concellos de Dodro e Padrón para o obradoiro de emprego de garantía xuvenil Xuventude en Acción 2019.

A data de 1 de xaneiro de 2019, Rois contaba con 4.512 veciños, segundo os datos que se aprobaron na sesión plenaria de hoxe, a primeira que se grava integramente no concello.

Cos votos a favor de PP e PSdeG aprobáronse os estatutos e a adhesión do Concello de Rois á Asociación de Concellos da Ría Muros e Noia, que ten como obxectivo conseguir que este itinerario sexa recoñecido oficialmente como Camiño de Santiago. O representante de Rois será o primeiro tenente de alcalde, Manuel dos Santos. Neste punto o BNG abstívose ao non ser admitida a solicitude de que representantes doutros partidos políticos puidesen formar parte da representación de Rois nesta asociación.

A moción do PSdeG solicitando a bonificación do 90% ou 95% dos IBI de explotacións agrogandeiras, que contou co apoio do BNG, foi rexeitado polo equipo de goberno alegando que dende o Concello se aposta por investir na mellora de infraestruturas e accesos aos diferentes núcleos de poboación, facilitando deste xeito que as explotacións poidan beneficiarse de mellores accesos para seguir medrando. Un aspecto que o alcalde considerou “máis importante que unha rebaixa fiscal” que ía ser pouco importe.

O equipo de goberno xustificou que Rois xa se adheriu ao acordo da Federagación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para promover o Pacto de Estado en materia de violencia de xénero para rexeitar a moción presentada polos socialistas que pedían que o Concello se una á campaña concellos en negro contra a violencia machista. Dende o BNG apoiaron a moción e, aínda considerando que hai axudas faltan campañas de sensibilización, aspecto que rexeitaron as concelleiras do equipo de goberno.

Co apoio do goberno local e do PSdeG, e a abstención do BNG, aprobouse a declaracións institucional presentada polo PP de apoio e recoñecemento da labor que realizan as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en Cataluña.

20191104 pleno ordinario ALI9967 weeb

20190916 consulta publica regulamento organico corporacionO equipo de goberno de Rois acaba de facer unha consulta pública concedéndolle á veciñanza e persoas interesadas dez días naturais para que poidan aportar suxestións para a elaboración do Regulamento orgánico da Corporación.

O Concello de Rois, tan como anunciou o alcalde a pasada semana, ten previsto iniciar nas vindeiras semanas a tramitación do Regulamento orgánico da Corporación coa finalidade de completar e sistematizar as disposicións máis relevantes que rexen a organización e funcionamento da Corporación, de garantir os principios de publicidade e transparencia na actividade municipal, así como os dereitos de participación cidadá e acceso á información pública.

A oportunidade da iniciativa xorde pola recente constitución da nova Corporación resultante das eleccións do pasado 26 de maio e pola conveniencia de dispor nun só texto, e de forma facilmente comprensible, as múltiples disposicións relevantes que afecten ao desenvolvemento da vida municipal.

Por esta razón, e consonte á lexislación vixente, realizase esta consulta pública coa finalidade de que as persoas, entidades interesadas e as organizacións representativas poidan presentar no prazo de dez días hábiles, contados a partir do 16 de setembro, as suxestións que xulguen oportunas con relación ao contido do Regulamento orgánico proxectado.

10 de outubro de 2019

Anuncio de convocatoria da mesa de contrataciónpara a apertura dos sobre 'C' subtitulado oferta económica, da licitación do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Rois en acto público o día 14 de outubro de 2019 ás 12.00 horas no salón de plenos.

O anuncio pódese consultar no documento adxunto.

20190729 ALI3244O pasamento da presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde causou unha fonda consternación en Rois. Lourdes Gómez Gómez faleceu o día de onte, domingo, aos 70 anos de idade, como consecuencia dun ictus cerebral que sufriu esta fin de semana. Presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde dende a súa constitución en 1986, a primeira que se fundou en Galicia, Lourdes Gómez era unha persoa moi querida a apreciada en todo o municipio de Rois. O enterro celebrarase ás 19.00 horas de hoxe na igrexa parroquial de Urdilde.

Viúva dende hai 30 anos, Lourdes Gómez tiña dous fillos, que están a recibir numerosas mostras de condolencia no tanatorio de Urdilde, donde se atopan os restos mortais da finada. O funeral celebrarase ás sete da tarde de hoxe na igrexa de Urdilde, e seguidamente recibirá sepultura no cemiterio parroquial.

O alcalde, Ramón Tojo, trasladoulle á familia as condolencias en nome de toda a Corporación de Rois. Tamén dende a Asociación de Amas de Casa de Rois tiveron palabras de cariño para Lourdes Gómez durante o acto que celebraron onte, domingo, para conmemorar o seu 25 aniversario.

Lourdes Gómez Gómez foi unha das pregoeiras este ano da Festa do Santo Isidro Labrador, o patrón de Rois, xunto coa presidenta da Asociación de Amas de Casas e dunha representante da Asociación de Mulleres Rurais de Ermedelo.

Na súa intervención, Lourdes Gómez recordou como en 1986 se constituía en Urdilde a primeira Asociación de Mulleres Rurais de Galicia, e unha das primeiras de España. Presidenta deste colectivo que hoxe agrupa a 150 mulleres, Lourdes Gómez recordaba no pregón como a asociación tivo a súa primeira sede na antiga escola de nenas de Urdilde e que “despois de moitas xestións e coas axudas recibidas” puideron rehabilitar a casa na que actualmente fan as súas actividades.

Para Lourdes Gómez a Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde, e as asociacións de mulleres en xeral, son “un lugar de formación, onde as mulleres rurais —que son nais, amas de casa e traballadoras da terra—, teñen un lugar de encontro, un lugar onde formarse naqueles temas que máis lles gusta e onde compartir experiencias”, recordaba no pregón que deu na festa do Santo Isidro xunto con Maricarmen García Acosta e Vanessa Boullón Pérez.