• O Setembro Cultural propón teatro para público familiar e cinema-coloquio

  • A Cultura Dispersa por Rois continúa a levar actuacións ás parroquias do municipio

  • Camilo Seira dirixirá as visitas guiadas á mostra de Arte e Natureza en Seira

 

20200827 cultura setembro

A cultura toma impulso en Rois coa chegada do mes de setembro. Tres programacións (Setembro Cultural, A Cultura Dispersa por Rois e Arte e Natureza en Seira) enchen o calendario de propostas pensadas para gozar da arte, do teatro e do cinema, cumprindo todas as medidas de seguridade e hixiene debidas á pandemia de coronarivus.

O Concello de Rois busca a maior seguridade posible para os espectadores que asistan a estas iniciativas culturais. Por isto, para as actividades de Setembro Cultural e as visitas de Arte e natureza en Seira é preciso anotarse escribindo a Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo. ou chamando ao 981 816 061 en horario de mañá.

Teatro e cinema no Setembro Cultural

O Setembro Cultural leva a Rois teatro para a cativada e cine do país. Os nenos e nenas teñen cita no Auditorio Municipal (18h) con tres espectáculos a cargo de compañías cunha gran traxectoria. O sábado 12, Migallas Teatro porá sobre as táboas o musical Cantacontos, baseado en historias tradicionais musicadas para público de entre 4 e 11 anos. O domino 13 será Talía Teatro a que interpretará a obra familiar Voa, voa!, unha proposta para gozar da palabra e a divulgación. Xa o sábado 26 será o momento do grupo Mamá Cabra, un dos conxuntos de música infantil máis populares de Galicia, cunha montaxe especial sobre alimentación saudable titulada Eu cociño, ti cociñas.

Canto ao cinema, o director Ignacio Villar asistirá o sábado 19 ás 21h á proxección, no campo da festa de Urdilde, do filme María Solinha. En caso de choiva, a película pasarase no Auditorio Municipal de Rois.

O aforo será limitado en todas as actividades, polo que a inscrición previa obrigatoria abrirase o luns día 7. Setembro Cultural conta co apoio da Rede Cultural da Deputación, Agadic, a Rede de Bibliotecas de Galicia e a Rede de Dinamización Lingüística.

A cultura dispersa por Rois

En setembro continúa a programación que leva polas parroquias do municipio espectáculos de teatro de pequeno formato e filmes ao aire libre. O domingo 6, Dinamo Producións porá en escena Eu queríame casare no campo da festa de Ermedelo (13h). Trátase dunha comedia sobre o amor aos corenta, protagonizada por Lucía Veiga e Pedro Brandariz. O sábado 19 será Avelino González o que contará Contos que foron chistes no campo da festa de Ermedelo (19h), peneirando historias na tradición humorística galega. Por último, o campo da festa de Sorribas acollerá o día 20 (21.30h) a proxección da película de humor Superlópez, dirixida por Javier Ruiz Caldera e protagonizada por Dani Rovira.

A proposta A cultura dispersa por Rois conta coa colaboración das comisións de festas e das asociacións do termo municipal. Ademais, a maior parte das actividades teñen o apoio da Deputación da Coruña, a través da súa Rede cultural.

Arte e natureza en Seira

Para completar a oferta do mes de setembro, o escultor e pintor Camilo Seira será o encargado de dirixir tres visitas guiadas pola exposición da II Xornada da Arte e Natureza, aberta na contorna natural de Agro do Souto como homenaxe aos maiores do municipio falecidos neste dramático 2020. Unha vintena de creadores plásticos, músicos, arquitectos e deseñadores empregaron materiais naturais para montar a mostra.

Camilo Seira fará un percorrido explicado polas obras os días 11, 12 e 13 de setembro (o venres ás 18h e sábado e domingo en dobre quenda de 12 e 18h). Os grupos van ter un máximo de 20 persoas, polo que é preciso anotarse a partir do xoves 3 de setembro.